30/04/2026

Xubón e mantillas da Esperela, Paderne, A Coruña

Hoxe comparto con tod@s vós unha das últimas doazóns incorporadas ao obradoiro. Sumamos á nosa colección un valioso legado do patrimonio material galego: un conxunto de pezas populares procedentes da aldea da Esperela, en Paderne, pertencentes á señora Micaela e conservadas con esmero durante xeracións pola familia Veiga Cal.

Estas pezas foron xenerosamente doadas pola súa neta, Rosario, aos seus 93 anos, nun admirable acto de xenerosidade, compromiso e amor pola nosa cultura e pola súa avoa. Coa sabedoría de quen comprende o valor profundo da memoria herdada, Rosario decidiu confiar este importante legado a Emi Cagiao para asegurar a súa preservación e evitar a súa perda. Pola súa parte, Emi considerou que nas miñas mans atoparían a mellor canle para seren compartidas con tod@s vós, garantindo así a súa difusión cultural e patrimonial.

Grazas á inmensa xenerosidade de Rosario, estas pezas non só se conservan, senón que continúan vivas como testemuño da nosa identidade, permitindo poñer en valor unha parte esencial da memoria colectiva de Galicia.

O conxunto componse dun fermoso xubón confeccionado en la fría, adornado con agremán da feira, así como de dúas mantillas de pano sedán, decoradas con veludo e rematadas con cinta de veludo en todo o seu contorno, un detalle distintivo e característico desta zona.

Cada unha destas pezas representa non só a riqueza téxtil de Galicia, senón tamén a historia, a identidade e o coidado de quen as vestiu, conservou e transmitiu ao longo do tempo.

E si… tamén coas medias para queteñades mellor referencia das propocións… 

Con profunda gratitude cara a Rosario, Emi Cagiao e Fernando do Entroido de Samede, celebramos a chegada deste extraordinario testemuño da nosa tradición, que continuará vivo para que as futuras xeracións poidan seguir coñecendo, valorando e desfrutando destas pezas como auténticos símbolos da nosa herdanza cultural.

Deja una respuesta