15/08/2021 A antiga Capa de Laza

A antiga Capa de Laza

A antiga Capa de Laza.

  Nesta entrada preséntovos unha desas marabillas que aínda se conservan a día de hoxe. Unha peza testemuña dun xeito de vida extinguido, dunha mentalidade práctica e duns valores xa case esquecidos.

  Nas imaxes amósovos a comparativa entre a  peza antiga (imaxes da esquerda) e a reprodución realizada no obradoiro (imaxes da dereita).

  Trátase  dunha peza orixinaria de Camba, recoñecida no lugar como “Capa”, na montaña do concello de Laza, Ourense (Galiza) onde abundaban numerosas pezas coma esta moi empregadas ata fai pouquiños anos. Tamén se atopa neste lugar outra variante desta peza de abrigo como é o capote; ao que lle adicaremos outra entrada. Recollida e documentada por Alberto Golpe Beceiro o cal a cedeu desinteresadamente para realizar esta reprodución.

  Confeccionada íntegramente en saial (tecido que respectamos na reprodución) leva como particularidade  unha carapucha e unha esclavina cosidas entre si; deixando deste xeito, a capa totalmente pechada na parte superior. Cando non era preciso o uso da carapucha, votábana cara atrás xunto coa esclavina quedando ás costas (última foto das imaxes da dereira).

  Reproducir pezas coma esta, é un dos traballos máis satisfactorios. Estudar a peza, analizala, aprender, tomar os patróns, buscar os tecidos orixinais e sobre todo respectar a peza… un traballo de moitas horas pero todo un orgullo rematala e desfrutala.

  Agardo que vos guste

     *-_O Sarillo_-*

Deja una respuesta